Un PLAN B para os desempregados da Mariña

PLAN B

“Un Plan B” é unha mochila que contén un caderno e un itinerario formativo.

“Un Plan B” está pensado como un obxecto de regalo para este Nadal: para un familiar sen traballo, unha amiga á que a crise lle truncou os plans ou alguén que precise reorientar o seu futuro pero non sabe en que. Trátase dunha mochila artesanal, cosida e pintada a man. Dentro hai un orixinal caderno e unha experiencia formativa que se desenvolverá durante unha fin de semana a escoller durante os meses de febreiro, marzo e abril de 2014.

O itinerario formativo está composto por catro sesións. A primeira é un “Taller para espertar a túa creatividade a través do Arte. Activarte”, impartido pola ilustradora Lucía Vila. Na segunda sesión trabállase a Autoestima, porque en contextos de crise como o atual, un dos aspectos máis delicados é a percepción negativa e pesimista sobre as nosas propias capacidades. Está dirixida pola psicóloga Juana Blanco. A terceira sesión é un Café Filosófico, un obradoiro encamiñado a reflexionar e deseñar un plan de vida co apoio da Filosofía. Os Cafés Filosóficos son moi habituais en países como Francia e axúdannos a ampliar os nosos hourizontes e puntos de vista grazas á aportación doutras miradas, opinións e pensamentos. A sesión estará guiada por Guillermo Hernández, licenciado en Filosofía. Por último, realizarase unha xornada sobre habilidades profesionais e emprendemento, impartida pola pedagoga Carolina García e por Celtia Traviesas, xornalista con experiencia en marketing e comunicación.

Hoxe en día, atopámonos ante unha realidade líquida, xa nada é sólido nin seguro, resulta moi difícil que nos demanden para un traballo fixo. É o momento de ser flexibles e emprendedores no sentido amplo da palabra: “Unha persoa emprendedora é creativa, faise responsable de si mesma e é dona do seu destino”, sinala Celtia Traviesas. “Con este itinerario formativo, quixemos proporcionar algunhas ferramentas clave para enfrentar con serenidade e valentía o futuro. Pensamos que regalar Un plan B é unha idea moi orixinal e útil. Agardamos que sexa un éxito”.

Bolsas de experiencias

MAUmarela! terá o seu stand durante o Mercado de Nadal situado no cruce das “4 calles”, e ofrecerá bolsos, cadros, xoias e pinturas realizadas pola súa profesora de Arte, Lucía Vila. Tamén terá bolsas de experiencias, para quen desexe regalar un taller de Arteterapia (RelaxArte),  Escritura Chinesa, Arte para pícar@s ou o taller dirixido a nenas e nenas a partir de 8 anos  Descubre o teu talento.

Deixar un comentario